Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta impulsa o emprego autónomo e o emprendemento na Comarca de Bergantiños-Costa da Morte con 344 axudas por un importe de máis de 1,8M€


― O delegado da Xunta e o alcalde de Ponteceso mantiveron un encontro cun dos beneficiarios do programa para apoiar a continuidade e consolidación de iniciativas empresariais

― Estes apoios forman parte da a folla de ruta que está impulsando a Xunta para crear emprego estable e de calidade con medidas que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, mantiveron un encontro con Jonathan Figueiras, un dos beneficiarios, con 16.000 euros, da liña de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinada a apoiar o emprendemento. Un programa que se convocou por primeira vez este que ten por obxectivo para apoiar a continuidade e consolidación de iniciativas empresariais en Galicia. Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa de Morte recibiron este apoios 6 beneficiarios por un importe total de máis de 174.000 euros.

As axudas estiveron dirixidas a diferentes colectivos que impulsan en Galicia o emprendemento: pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades mercantís ou laborais e empresas vinculadas á economía social. Os apoios, destinados a financiar investimentos e para impulsar o emprego en iniciativas emprendedoras cunha antigüidade máxima de 42 meses, sumaron unha media de 28.000 euros por proxecto empresarial. A convocatoria mobilizou arredor de 10,7 millóns de eurosen toda Galicia e a maior parte dos beneficiarios das 196 axudas foron pemes (57,14%), seguidos do colectivo autónomo (32,65%).

O delegado da Xunta destacou que a comarca de Bergantiños-Costa da Morte contou con varias axudas que nutren o ecosistema emprendedor galego. Concretamente, nos programas xa resoltos repartironse 344 axudas por un importe de 1.880.000 euros. Trenor subliñou que estes apoios forman parte da a folla de ruta que está impulsando a Xunta para crear emprego estable e de calidade con medidas que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego
Inicio actividade autónomos
Trenor tamén informou que nesta comarca 141 autónomos recibiron axudas para apoiar o inicio da súa actividade por un importe de máis de 600.000 euros. Este programa contou con doce millóns de euros de orzamento en Galicia. Trátase de axudas cunha contía base de 2.000 euros, que poden chegar ata os 4.000 euros para desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade e, como novidade, maiores de 55 anos. Estas contías incrementáronse nun 25% no caso de que os beneficiarios sexan mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou estranxeiros, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou a actividade empresarial é unha profesión na que as mulleres están subrepresentadas.

A Xunta beneficia en toda Galicia a unhas 3.500 persoas con esta iniciativa, para cuxo acceso era necesario estar dado de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.

Consolidación traballo autónomo

O delegado da Xunta tamén puxo en valor outra orde de axudas xa resolta que financia investimentos para a consolidación dos negocios xa en marhca que nesta comarca beneficia a 157 autónomos con un importe total de máis de 313.000 euros

Esta orde, que contou con con oito millóns para toda Galicia, busca apoiar a consolidación dos autónomos que leven, polo menos, 42 meses de actividade empresarial con axudas de ata 3.000 euros dirixidas á realización de investimentos para a mellora da competitividade. “O Bono autónomo foi unha medida pioneira posta en marcha en Galicia en 2017 da que se beneficiaron máis de 10.300 traballadores deste colectivo, cun orzamento en seis anos próximo aos 23 millóns de euros en toda a Comunidade”, lembrou Trenor

Colectivos con máis dificultades para atopar emprego

O representante do Goberno galego apuntou que outro dos programas da Xunta de apoio ao emprendemento ten por obxectivo favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres, persoas paradas de longa duración, mozos e mozas e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión de toda Galicia, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.

Esta orde contou cun orzamento global de 10,5 millóns de euros -un 12% máis que na convocatoria de 2019- para fomentar o emprego na Comunidade. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte repartironse 37 axudas por un importe de máis de 756.000 euros.

Este programa contempla, por unha banda, un bono formación para as persoas traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.